mércores, 30 de marzo de 2011

Unha mirada de antano: Fotografías de Ruth Matilda Anderson

DO 31 DE MARZO AO 5 DE XUÑO


Dende o mércores 31/03/2011 ás 20:00 h. presentase en Compostela na Fundación Caixa Galicia unha das mostras que máis leva dado que falar en Galicia. Lugo, Ferrol, A Coruña e Vigo xa tiveron a oportunidade de gozala, agora é a quenda da capital galega. Benvidos/as á Galicia do pasado século, benvidos/as a "Ruth Matilda Anderson. Unha mirada de antano". Escrutamos o noso pasado... Unha mostra, moi recomendable… (Rúa do Vilar, 19)


Ao longo do tempo chegaron a Galicia xentes con outras linguas e culturas. De moitas conservamos as súas impresións nos seus textos, debuxos, gravados, pinturas e fotografías. Algúns perdéronse definitivamente. Grazas aos conservados sabemos como nos viron os outros. Entre eles, o arquivo fotográfico máis amplo e completo de imaxes de Galicia é o que realizou Ruth Matilda Anderson (1893-1983) entre 1924 e 1926 para a Hispanic Society of America en Nova York. 



Fixo fotografías de gran calidade que acompañou dunha ampla documentación, conseguindo así reunir un repertorio exhaustivo sobre a cultura galega da época. Esta fotógrafa e etnógrafa norteamericana, deixounos en herdanza o relato visual de máis de 320 imaxes tomadas en Galicia, dunha cultura que se perdía co relevo dos tempos e que agora podemos ver nós.
Tódalas fotografías, procedentes do arquivo da investigadora, foron realizadas en dous viaxes case seguidos a Galicia, primeiro acompañada do seu pai, o fotógrafo sueco Alfred Anderson, e despois con outra empregada da Hispanic Society of America, a fotógrafa Frances Spalding, entre os anos 1924 e 1926.
Esta exposición é a máis completa dedicada ata a presente data á fotógrafa norteamericana Ruth Matilda Anderson, quen por encargo da Hispanic Society of America, viaxou por toda Galicia na década dos anos vinte do século pasado con obxecto de documentar exhaustivamente diferentes aspectos da vida cotiá galega. Durante aproximadamente tres anos, Anderson percorreu innumerables aldeas, vilas e cidades e tomou unhas cinco mil fotografías de igrexas, embarcacións, carruaxes, vistas urbanas, persoas exercendo diferentes profesións..., imaxes case inéditas hasta este montaxe, que constitúen una fonte de coñecemento etnográfico de incalculable valor.
Os comisarios da exposición, Miguel Anxo Seixas e Patrick Lenaghan, levaron a cabo unha fonda labor de investigación nos arquivos da Hispanic Society of America para seleccionar as máis de catrocentas imaxes que forman parte desta exposición e o seu catálogo.



Imprescindible. Esta peculiar visión da Galicia de principios do século XX (moitas fotos de A Rúa, entre outras) dende os ollos dunha muller americana.

Ruth Matilda Anderson e a Hispanic Society of America

Tras ler a George Borrow en 1882, o novo Archer Milton Huntington (1870-1955) descubriu España e comezou a coleccionar libros, obras de arte e fotografías de tema hispánico. Na súa primeira viaxe á península ibérica en 1892 pasou por Galicia, país sobre o que máis tarde publicaría as súas impresións no libro A Note-book of Northern Spain (1898) e ao que dedicaría algúns versos en inglés froito da súa admiración por este país.



Porén, a súa maior contribución foi a fundación da Hispanic Society en Nova York en 1904, na que investiu a inmensa fortuna herdada do seu pai. Ese gran proxecto cultural e educativo é o seu singular legado. Baixo as súas estritas directrices creouse un importante centro dedicado a documentar o mundo hispano cun extenso fondo de libros, obras de arte e fotografías. Huntington mesmo encargou a Sorolla, en 1911, unha serie de murais que ilustrasen a pluralidade da cultura española. 

http://www.hispanicsociety.org/
Archer Milton Huntington serviuse da fotografía como unha ferramenta máis para rexistrar a riqueza da cultura hispana e enviou as súas conservadoras e fotógrafas a España e América Latina. Entre elas sobresaía Ruth Matilda Anderson. Nacida en Nebraska, iniciouse na fotografía grazas ao seu pai, Alfred Theodore Anderson, que dirixía un estudio en Kearney. Logo de se formar como profesora, trasladouse a Nova York e estudou na Clarence White School of Photography, onde se graduou en 1919. Dous anos máis tarde comezou a traballar na Hispanic Society of America, onde pasou o resto da súa carreira profesional, primeiro como fotógrafa e logo como conservadora de traxes.
Anos máis tarde este material resultoulle fundamental para a realización do seu libro Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruña, editado en 1939 pola Hispanic Society.


Saber máis:
http://www.elpais.com/articulo/Galicia/fomos/elpepiautgal/20091030elpgal_19/Tes
http://www.lavozdegalicia.es/ocioycultura/2009/10/29/0003_8070172.htm

http://www.flickr.com/photos/certo/4129126056/in/pool-1322589@N22/

http://enemaisun.es/?p=111

Ningún comentario:

Publicar un comentario