mércores, 18 de setembro de 2013

"O Monte Pindo é o paradigma do lume iniciado por un chisqueiro pero alimentado por anos de desidia política"

Marcos Pérez Pena

Do negro ao verde. Ese é o obxectivo agora. Despois do incendio que durante case catro días arrasou case por completo o espazo natural do Monte Pindo, a asociación que levaba anos reivindicando que se declarase parque natural fai balance da desfeita e comeza a traballar na recuperación. Tamén da crítica á xestión realizada polo goberno galego, do que denuncia o seu deleixo á hora de protexer o monte e de previr os incendios forestais. 
O sábado 28 de setembro, tres marchas verdes partirán simultáneamente ás 11 horas desde a Praza da Solaina (O Pindo, Carnota), o Supermercado As Cruces (Caldebarcos, Carnota) e da Área Recreativa do Fieiro (Mazaricos) para encontrarse finalmente na Laxe da Moa, no máis alto do Monte Pindo. De igual xeito o 6 de outubro, ás 12 horas, está convocada unhamanifestación en Compostela para esixir un cambio radical na política forestal da Xunta de Galicia e no tratamento das problemáticas dos espazos naturais protexidos. Dúas citas para que non esquezamos o que se perdeu no Pindo e para deixar claro que este tipo de desastres non son inevitables. Falamos con Mario Maceiras, secretario da Asociación Monte Pindo Parque Natural.
"O mércores a iso das dez da noite, poucos minutos despois de declararse o incendio, recibín unha chamada do alcalde de Carnota. Lembro que as súas palabras foron: 'Non hai nada que facer Mario, está todo perdido'"
A primeira pregunta é obrigada. Agora que xa pasaron unhas horas sen lume, puidestes facer un balance polo miudo? A desfeita foi tan grande como pensábades?
O mércores a iso das dez da noite, poucos minutos despois de declararse o incendio, recibín unha chamada do alcalde de Carnota. Lembro que as súas palabras foron: "Non hai nada que facer Mario, está todo perdido". Este prognóstico fíxose realidade e non polas súas dotes clarividentes, senón porque en Carnota todos sabemos que a orografía do Monte Pindo é extremadamente complicada, sendo só efectivos os medios de extinción aéreos que xa non poderían despegar a esa hora. Co lume avanzando por sitios inaccesíbeis para efectivos humanos nin mecánicos, empuxado por un auténtico furacán de nordés, sabíamos perfectamente que salvo milagre mediante, o Olimpo Celta enfrontaba as súas últimas horas e asi o indicamos no noso primeiro comunicado, ás once da noite, co título "Adeus Monte Pindo". Só lograron controlalo lume cando tres días despois, non habendo nada que queimar, comezou a orballar.

O carácter intencionado está claro. Tamén os motivos?
Non coñecemos que pode levar a alguén a destruir un espazo natural protexido, pero si queremos salientar que no caso do Monte Pindo hai décadas que non se desenvolven actividades económicas (forestais e madeireiras, agrogandeiras, edificativas...) que puideran verse beneficiadas por un incendio. Polo tanto os motivos teñen que ser outros. O que temos moi claro é que quen prendeu o lume sabía perfectamente o que había que facer para arrasar por completo o macizo.
"Temos moi claro é que quen prendeu o lume sabía perfectamente o que había que facer para arrasar por completo o macizo"
Que tería sido diferente se o Pindo fose xa dende hai un par de anos un parque natural?
Nada nin ninguén pode evitar a primeira chispa, pero cando as condicións meteorolóxicas son adversas a única forma de apagar un lume no Monte Pindo é meses ou anos antes de prender. Iso é o que levamos tres anos pedindolle á Xunta, a dotación dos recursos necesarios para que o Monte Pindo se coidase, protexese e desenvolvese. Non nos fixeron ningún caso. Por que entendemos que o Parque Natural é a figura apropiada? Porque é a única que obriga a un investimento anual (2,2 millóns anuais en plena crise), a crear un organismo rector coa participación dos colectivos interesados e a crear un corpo permanente de vixilancia e garda. Para figuras de papel xa tiñamos a Rede Natura. A Xunta negouse desde o principio a atender esta gran demanda social con todo tipo de excusas de mal pagador: que se era moi pequeno, que se xa estaba protexido dabondo, logo que se era moi caro... A realidade é que agora houbo que gastar en extinción exponencialmente máis do que suporía ternos escoitado, e tantos cartos non serviron para salvar sequera un anaco do espazo natural.
Sigue activo el fuego de O Pindo y se declara otro próximo al Monte Galiñeiro
"Agora houbo que gastar en extinción exponencialmente máis do que suporía ternos escoitado, e tantos cartos non serviron para salvar sequera un anaco do espazo natural"
Ides poñer en marcha traballos de repoboación? Tedes xa prazos?
Entendemos que unha catástrofe destas características fai agromar a sentimento solidario e xeneroso da sociedade galega, pero temos que facer as cousas ben para que non sexa peor o remedio que o mal. Imos traballar con especialistas e investigadores para ver por onde tería que empezar o proxecto de voluntariado, tendo en conta que estamos ante máis de 2.300 hectáreas arrasadas e que de nada serve ir chantando cepellóns na cinza. O urxente agora é conseguir que o chan resista a chegada das choivas e non acabe chegando chapapote de monte aos lugares do Pindo, Caldebarcos, Quilmas..., ao Xallas nin á ría.
"O urxente agora é conseguir que o chan resista a chegada das choivas e non acabe chegando chapapote de monte aos lugares do Pindo, Caldebarcos, Quilmas..."
Como será o roteiro do día 28? Credes que a participación será importante?
Moitísima xente está a interesarse tanto na comunidade local coma alén, sexa por expresar a súa dor ante esta tremenda traxedia, reivindicar o parque natural e un cambio radical de políticas no que respecta á nosa natureza, ou por simple curiosidade de coñecer o estado en que quedou o Olimpo Celta despois das lapas. Cremos que será masivo e por iso estabelecemos 3 lugares de saída distintos. A xente vestirá de verde para simbolizar que devolveremos a vida ao que hoxe é morte, e de seguro unha vez arriba propinaremos un inmenso berro de "Monte Pindo Parque Natural!" que retumbará en San Caetano, para que quen nos ignorou ata hoxe agora o escoite.

E na manifestación do 6 de outubro? Que ten que pasar neste país para que a política forestal saque a decenas de miles de persoas á rúa?
Primeiramente a xente debe coñecer a convocatoria, e por iso estamos inmersos en contactos con todo tipo de entidades para que sexa o máis horizontal e plural posíbel. Somos conscientes de que o tempo para armar unha gran mobilización é escaso pero tamén que moitos milleiros de galegas e galegos choran neste intre polo Monte Pindo, as Fragas do Eume, a Ría do Burgo, Lourizán, Corcoesto, o Courel, e tantos outros espazos naturais galegos submetidos a anos de abandono, contaminación, monocultivo de especies de ciclo curto, expolio industrial e por suposto a ameaza constante dos incendiarios que sen ese desleixo da administración non poderían actuar con tal impunidade. Queremos que a cita do 6 de outubro sexa o berro de dignidade da xente que non fica indiferente ante a destrución do seu medio natural.
"Queremos que a cita do 6 de outubro sexa o berro de dignidade da xente que non fica indiferente ante a destrución do seu medio natural"
Como valorades as declaracións realizadas por Feijoo e outros cargos do PP despois do incendio? Como se pode soster ese argumento de que os incendios non teñen nada que ver coa política forestal?
Simplemente estamos ante o cazador cazado. Lembremos que no 2006, logo de arderen 550 hectáreas no Monte Pindo e de ver arrasar media Galiza, Alberto Núñez Feijóo preguntábase "canto do queimado se debe aos pirómanos e canto á imprevisión, indolencia e irrespondabilidade do goberno?”. Agora que se ve no poder tentou convencernos primeiro de que a campaña era formidábel e agora tras a perda do Monte Pindo, a culpa é dos homes malos que nos queren facer dano e do código penal, que podía ser máis duro. Porén, o Monte Pindo é o paradigma perfecto do lume iniciado por un chisqueiro pero alimentado por anos de desidia política sen precedentes; nunca antes se pedira con tanta insistencia e durante tanto tempo á Xunta que actuase sobre un espazo natural en concreto, e non se fixo absolutamente nada, o único que nos deron foi a espalda. Por iso esiximos a dimisión de Agustín Hernández e Rosa Quintana, por seren os responsábeis da declaración e a xestión, respectivamente, dos espazos naturais galegos protexidos. En realidade ten que ser o propio Feijóo quen os cese de inmediato, en aplicación estrita do discurso que ensaiaba no 2006. Pero sabemos que iso non vai pasar se non enchemos a praza da Quintana o 6 de outubro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario