sábado, 7 de setembro de 2013

Propoñen dez medidas para unha nova política forestal

Dende o ano 1988 até hoxe, segundo datos oficiais, en Galicia producíronse máis de 100.000 incendios forestais que queimaron máis de 500.000 hectáreas de monte, das que 200.000 de arboredo. “Nestes últimos 25 anos arderon máis de 30.000 quilómetros cadrados, é decir máis da totalidade do territorio galego ardeu unha vez”, dixo Miguel Anxo Abraira, da Plataforma para a Defensa das Fragas do Eume. Ademais, as cifras dende 1995 rexistran uns 10.000 incendios ao ano, un incendio por cada 2 quilómetros cadrados de superficie forestal, mentres a media estata é dun incendio por cada 25 quilómetros cadrados.
“Nestes últimos 25 anos arderon máis de 30.000 quilómetros cadrados, é decir máis da totalidade do territorio galego ardeu unha vez”
A Federación Ecoloxista Galega, Adega, Verdegaia, Sindicato Labrego Galego, Anagaci, Plataforma Fragas do Eume, Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños, Amarante, Foro Social de Cangas, Asociación Petón do Lobo de Corcoesto, Altermundo, Fuco Buxan, o Colectivo Artabra 21 e outras máis que se están sumando decidiron hai semanas constituír aAsamblea Galega Contra o Lume. “Non é unha cuestión puntual, ten o obxetivo de permanencia no tempo para dunha vez por todas deixar constancia ante os poderes políticos que o pobo galego non vai admitir que se siga coa mesma política forestal que ano tras ano arrasa o noso país”afirma Miguel Anxo Abraira.

Presentaron ante o rexistro da Xunta máis de 2.600 sinaturas "ao rematar o día, co ritmo que levamos, probablemente sexan máis de 3.000 sinaturas", que recolleron en menos dunha semana nas plataformas de change.org epetiçaopublica.com demandando unha "nova política forestal que evite os incendios verán tras verán". "En Galiza, co 7,7 % da superficie forestal española, acontecen o 45% de todos os incendios, estando un 30% da superficie forestal afectada”, advirten as organizacións. Denuncian que as accións de prevención e extinción que dende hai máis de 25 anos se veñen tomando polos distintos gobernos “demostráronse e demóstranse insuficientes e sobre todo erradas, e a proba é que non hai ano no que as lapas non sexan portada dos medios de comunicación, arrasen grandes extensións de monte baixo e arborado, acaben cos mellores entornos ecolóxicos do noso pais e non poñan en perigo ou acaben coa vida de veciños e veciñas de Galiza”. Afirman que non será posíbel avanzar nunha solución “sen información, educación ambiental e participación social”.
Por estes motivos, a Asamblea Galega Contra o Lume esíxelles ás distintas administracións con competencia “as medidas correctoras necesarias nas políticas de prevención e extinción que está a aplicar, para rematar dunha vez por todas coa lacra dos incendios”. Para acadar este obxectivo empregarán “se fose preciso” a “mobilización dos galegos e galegas”. Neste senso, Manuel Cebral, da asemblea nacional da Galiza contra os incendios,  falou da "importancia" de convocar unha mobilización nacional en Compostela contra os incendios: "O que urxe é unha manifestación nacional, Galiza non pode estar máis tempo sendo arrasada polos lumes". 

 As medidas

Fins Eirexas, secretario executivo de Adega, afirma que "non se pode saír nos medios chorando porque Galiza arde e reclamando máis presenza policial e máis durenza contra os pirómanos cando no parlamento aproban leis que o que permiten é crear un marco para que estes lumes sigan arrasando o noso país". As dez medidas que propoñen para combater o problema dos lumes son "froito dun traballo de décadas, é unha cuestión que todos coñecemos", afirma Eirexas. "Que é o que pasa para que o Partido Popular non as queira aplicar? E non só iso, ademais lexislan no sentido contrario. De que se asustan entonces ao ver que segue habendo lume nos montes coa súa política forestal agresiva e isostíbel?", afirma Eirexas. "Cando o presidente da Xunta ou a conselleira se laien nos medios, saiban que eles son tamén responsábeis subsidiarios de que estes lumes sigan arrasando grandes superficies do noso país", conclúe.
"Cando o presidente da Xunta ou a conselleira se laien nos medios saiban que eles son tamén responsábeis subsidiarios de que estes lumes sigan arrasando grandes superficies do noso país"
As dez medidas destes colectivos "deben ser tomadas cor urxencia", afirmou Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, "estamos falando de danos irreversibles para a biodiversidade, para o medio e tamén danos económicos incalculables". Entre outras cousas solicitan:
  • Un ordenamento territorial acorde coas características do noso país, no que o monte ocupa uns 2/3 do territorio e coa maior densidade de núcleos de poboación de Europa. Evitar o despoboamento, o abandono dos usos tradicionais e a forestación de terras agrarias ao tempo que se fomentan alternativas produtivas sustentábeis para o medio rural.
  • Unha nova política forestal que promova a multifuncionalidade do monte e protexa as súas funcións ecosistémicas e sociais.
  • Un novo Plano Forestal que contemple os montes como algo máis que subministradores de madeira barata para triturar ou queimar, que limite a expansión das especies pirófitas e alóctonas e que promova unha silvicultura preventiva e sustentábel.
  • Incrementar os esforzos e os investimentos en prevención, que deberían ser superiores aos de extinción. Os labores de prevención, vixilancia, loita contra o lume e rexeneración deben desenvolverse durante todo o ano.
  • Planificar e desenvolver programas de rexeneración hidrolóxico-forestal nos montes queimados para evitar a perda de solo e a erosión, prohibindo a mudanza de usos e a especulación nestes terreos.
  • Labores de rexeneración da vexetación natural nas zonas queimadas.
  • Promover o incremento dos montes públicos e reforzar o papel das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, impedindo a súa privatización e a entrada de capital especulativo no monte.
  • Profesionalizar os equipos de prevención, detección, extinción e rexeneración nos incendios, que deben estar baixo un mando único dependente da Xunta de Galicia, evitando privatizar os seus servizos.
  • Rapidez e transparencia no acceso á información sobre os lumes, poñendo a disposición da cidadanía as ferramentas informáticas e de comunicación precisas.
  • Fomentar a Educación Ambiental a todos os niveis para promover na sociedade valores e comportamentos compatíbeis coa preservación do medio. Formar e informar especialmente ás Comunidades e propietarios de montes, para promover o sentimento de vencello e identidade positiva entre a veciñanza e o monte.
Afirman que os incendios "deberían tratarse como un asunto de país, fuxindo da utilización partidista, a demagoxia e o curtopracismo. Ningún goberno pode resolver os lumes nunha lexislatura, cómpre pois un amplo consenso político e social na loita contra os lumes"

Ningún comentario:

Publicar un comentario