martes, 10 de decembro de 2013

Un paso máis na privatización sanitaria

Pablo Vaamonde

O día dous de decembro o PP aprobou no Parlamento galego, cos seus propios votos e a oposición dos demais partidos, unha lei de gran relevancia para o futuro da sanidade neste país. A Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias establece que o Sergas non poderá demorar máis de dous meses para unha intervención cirúrxica nin máis de 45 para unha consulta externa ou proba diagnóstica. Esta esixencia é imposible de cumprir. As políticas impostas polo PP na sanidade (redución orzamentaria, eliminación de prazas, supresión das quendas de tarde etc) incrementaron as listas de espera de xeito notable. As demoras actuais están moi por enriba dos límites marcados (40 días en cirurxía e 8 en consultas).

A Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias establece que o Sergas non poderá demorar máis de dous meses para unha intervención cirúrxica nin máis de 45 para unha consulta externa ou proba diagnóstica. Esta esixencia é imposible de cumprir


Se non é posible cumprir estes prazos tan estritos (máis rigorosos que os sinalados na lei anterior), cal é a razón para que impoñan unha lei coma esta? Porque é a escusa perfecta para enviar masivamente os pacientes aos centros privados -que levaban un tempo preparándose e agardando por esta norma-. Como os servizos públicos non poderán dar resposta ás demandas que se xeren os pacientes poderán reclamar ser atendidos nun hospital privado. A lei aborda outras cuestións, mais o cerne da norma é este: a partir de agora a derivación masiva de pacientes aos centros privados vai ter cobertura legal. O portavoz do PP afirmou que se trata da norma máis importante desta lexislatura, pero os partidos da oposición consideran que esta norma reforza a privatización da sanidade galega.“Un arma de destrución da sanidade pública”, chegaron a afirmar no tenso debate parlamentario no que o PP aplicou a súa maioría absoluta de forma esmagadora.

“Un arma de destrución da sanidade pública”, chegaron a afirmar no tenso debate parlamentario no que o PP aplicou a súa maioría absoluta de forma esmagadora

Esta lei, que pretenden presentar como positiva para os usuarios, é moito máis que unha manobra de marketing político. Trátase dunha medida fraudulenta, que lle dá prioridade ao negocio privado sobre o beneficio dos cidadáns, e leva dentro unha gran carga de profundidade que pode incrementar o deterioro dos servizos públicos mentres fai inxeccións económicas crecentes nos hospitais privados. Xa advertiu o Consello Económico e Social que non será posible reducir os tempos de espera sen incrementar os recursos. Esta utilización crecente dos centros concertados “supón un cambio cualitativo que impulsa un sistema mixto primando a achega da sanidade privada”. Neste terreo, igual que noutros moitos, seguen os pasos de Madrid, que levou a sanidade pública á ruína e o caos mentres aos centros privados médranlle as contas de resultados.


Esta noticia, importante para os cidadáns e de consecuencias severas para futuro próximo, non foi destacada polos xornais, que dedicaron as páxinas principais, con grande aparato tipográfico, á consulta telefónica. Trátase de que os pacientes poidan chamar ao seu médico de cabeceira para resolver asuntos de saúde que non necesiten a presenza física. Desta maneira o Sergas plantexa despachar 11.000 consultas diarias. Publicitan como novidoso este sistema que os médicos utilizamos a diario sen precisar dun proxecto específico para a súa execución. Trátase de usar o sentido común, ter boa disposición terapéutica e ánimo de axudar. Mais o Sergas vén de adxudicar un contrato millonario a Telefónica (28 millóns de euros para os próximos tres anos) e pretende, con esta campaña publicitaria, xustificar semellante desembolso. Teño a convicción de que a coincidencia de ambas noticias non é un feito casual.

O Sergas vén de adxudicar un contrato millonario a Telefónica (28 millóns de euros para os próximos tres anos) e pretende, con esta campaña publicitaria, xustificar semellante desembolso

As medidas privatizadoras continúan, agora xa sen disimulo, e a sanidade galega atópase nun momento crítico. Se non hai unha resposta dos cidadáns e dos profesionais chegará un día, moi próximo, en que o perdido xa non poderá ter retorno.


Ningún comentario:

Publicar un comentario