luns, 31 de marzo de 2014

Homenaxe ao doutor Gonzalo Gurriarán








Pablo Vaamonde
O doutor Gonzalo Gurriarán (1904-1975) recibirá unha homenaxe o día 22 de marzo en Valdeorras, nun acto organizado pola Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA) e o Concello do Barco. Será nomeado irmandiño de honra nun acto solemne, que pretende recuperar a figura do doutor Gurriarán polo seu compromiso con esta terra e as súas xentes.  Na súa biografía hai moitos momentos que cómpre salientar, mais ten especial relevancia a súa colaboración coa guerrilla antifranquista na inmediata postguerra.
Na súa biografía hai moitos momentos que cómpre salientar, mais ten especial relevancia a súa colaboración coa guerrilla antifranquista na inmediata postguerra
No tempo do terror foi quen de superar o seu propio medo, no tempo da represión soubo estar á beira dos fuxidos, naquel tempo de persecución e violencia tivo a valentía de poñer a súa profesión ao servizo da resistencia. Atendeu moitos maquis e, por medio de enlaces, forneceu de medicamentos aos membros da guerrilla antifranquista. Esta era unha actividade de alto risco. Entre o Barco e Ponferrada, no ano 1945, producíronse máis de 2.000 detencións. Recorda David Simón nun artigo que “as partidas da guerrilla mantiveron importantes períodos de actividade ata 1950-52 en moitos lugares de Galicia. Unha importante zona de actividade foi a raia con Portugal e o oriente da provincia de Ourense, nos territorios montañosos e especialmente no macizo de Trevinca. Foi unha loita duradeira: uns dez anos de resistencia organizada”. Nesa zona os membros da resistencia tiveron o apoio e a atención sanitaria ofrecida polo doutor Gurriarán.

Magaz, Gonzalo Gurriarán, Ricardo de Orueta, titor da residencia de estudantes, e Grande Cobián. 1928

Atendeu moitos maquis e, por medio de enlaces, forneceu de medicamentos aos membros da guerrilla antifranquista. Esta era unha actividade de alto risco
O seu fillo Ricardo, historiador, nunca escoitou estas historias na casa familiar. Soubo das actividades de seu pai cando xa morrera, repasando as cinco mil cartas que gardaba, entre elas as de Otero Pedrayo, o seu mentor galeguista. Dedicoulle tempo á tarefa e publicou un libro no que recolle a biografía do doutor Gurriarán quen, nos seus primeiros anos, semellaba destinado a unha vida diferente da que tivo. Fixo a carreira de Medicina, de forma brillante, en Salamanca, foi alumno da Residencia de Estudiantes de Madrid e ampliou estudos en Estrasburgo, onde se iniciou na investigación biomédica.
O seu fillo Ricardo, historiador, nunca escoitou estas historias na casa familiar. Soubo das actividades de seu pai cando xa morrera, repasando as cinco mil cartas que gardaba, entre elas as de Otero Pedrayo, o seu mentor galeguista
Mais a Guerra Civil truncouno todo. Non tiña unha especial actividade política, aínda que nas terras de Valdeorras era alcumado Negrín, polo vínculo persoal que tiña con quen fora profesor seu e que logo chegou a presidente da República. Cando comezou a guerra el estaba no Barco. Despois de estar agochado durante un tempo, en febreiro de 1937 foi incorporado como cirurxián en diversos hospitais de campaña da fronte de Madrid.  Cando rematou a contenda non tiveron en conta os servizos prestados: abríronlle un expediente de depuración, impedíronlle continuar co seu traballo de investigador e non puido exercer a profesión na sanidade pública ata 1948, cando obtivo unha praza de médico de cabeceira en Sobradelo de Valdeorras. Mais daquela xa levaba anos exercendo a medicina privada e colaborando co maquis.
Naquel ambiente asfixiante, cos falanxistas e a garda civil vixiando os seus pasos, a finais dos anos 40 organizou o “Club de Montaña Pena Trevinca” (que protexía as súas frecuentes visitas á montaña) e dirixiu a primeira e única selección galega de esquí, que debutou na serra do Guadarrama cun xersei que levaba bordado o nome de Galicia. Son retallos dunha historia persoal que exemplifica a de moitos resistentes no tempo do franquismo. O doutor Gurriarán gardou silencio. Había cousas que non se podían nomear. Nin ao propio fillo. Hai silencios cargados de emocións.  Pero é xa tempo de desenterrar as palabras –como reclama Clara Valverde nun fermoso libro-. É preciso saber que lle pasou aos nosos pais e aos avós, para poder contárllelo aos nosos fillos.
Naquel ambiente asfixiante, cos falanxistas e a garda civil vixiando os seus pasos, a finais dos anos 40 organizou o “Club de Montaña Pena Trevinca” (que protexía as súas frecuentes visitas á montaña)
Hai que rachar o pacto de silencio arredor do medo.  O Estado non fixo os deberes elementais da democracia –verdade, xustiza, reparación-, e temos unha sociedade enferma, con dó permanente individual e colectivo. En España, afirma Clara Valverde,  75 anos despois da Guerra Civil, 40 anos despois da morte de Franco e décadas despois da Transición, a transmisión xeracional de traumas sociais e políticos aínda non se abordou. Hai que recuperar a palabra, reconstruír o relato da nosa historia familiar e colectiva, temos que saber de onde vimos para poder entender como somos.
O doutor Gonzalo Gurriarán foi un heroe. Cómpre recuperar o seu nome e o seu exemplo do esquecemento. Temos que saber que, nos tempos da infamia, houbo moitos coma el, que arriscaban a vida por axudar as vítimas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario