luns, 26 de maio de 2014

É a hora da xente.

Non son eu quen de analizar ben os resultados das eleccións europeas. Pero seguro que moito mellor cá TVE, que seguen co de que gañou o PP, din que gañaron con bo resultado porque lle sacan dous puntos ó PSOE, cando se ten gañado alguén é a abstención en España e en toda Europa, e ollo en Francia un de cada catro votou extrema dereita (onde tamén gaña a abstención). Non vexo moita diferenza entre Le Pen e o PP excepto que no PP son máis tramoieiros… logo gañou o PPE cos fachas, isto sen dubida é mérito das esquerdas e as súas cousas...
En España sube Esquerda Unida (con Anova). Pero non é para botar foguetes. Na disputa de catro miserentos votos ó PSOE en vez de furgar na procura de onde se atopa o desencanto e democratizarse. E tempo da rúa, non e tempo de cúpulas. Gústame PODEMOS, os únicos que logo do éxito electoral non mostran alegría (polo que eu vin). Boa sinal. Ninguén debería estar contento por adquirir responsabilidade. A responsabilidade acolloa. Agardo impaciente a formación dun fronte amplo de esquerdas sen personalismos nin sectarismos. Saúde na loita. Deixémonos de soberbia, a realidade é: que é imposible reverter a situación sen axuda... Polo tanto é responsabilidade de todos buscar puntos de encontro. Ilusionar.
Nota: os votos de Podemos non houberan ido a IU.
Nin IU nin PSOE e menos, xa que estamos en Galiza, o BNG souberon escoitar ó 15M achacáronlle certo cheiro libertario, alí recoñecémonos e abrazámonos os que sabíamos, aínda xa peiteando canas, da nova conciencia emerxente. 
O PSOE sigue en caída libre; o que lle queda é partirse en dous. Uns que monten a coalición que preconizaba Felipe Gonzalez coa dereita e outros a incorporación no Fronte amplo que se aveciña. PP e PSOE perderon 2.500.000 votos cada un, só en Galiza o PP perdeu 220.000 votos, PSOE 200.000 e BNG 24.000, partidos como Podemos teñen parte de culpa para que suba un pouco a participación nestas eleccións… e dende logo un 46% de votantes en Europa non me parece unha cifra que lexitime a gobernación dunha minoritaria casta política.
Pero imos por partes:
1. Rotundamente os españois queren caras novas e propostas máis ilusionastes. A ascensión de Podemos así o demostra.
2. A abstención foi un rotundo fracaso. Non medra a participación neste momento de corrupción e austericidio con todo o vento nas costas. Pero a xente manifesta seu descontento coa abstención, excepción en Catalunya. Os dous partidos maioritarios gañan as eleccións, pero en fortísimo retroceso. O bipartidismo (a alternancia PP/PSOE) esborrallase.
3. O PSOE fúndese de maneira escandalosa, a causa do castigo ós dous derradeiros anos de Zapatero ou a falta de caras e programas novos e de esquerdas cós cidadáns veñen demandando, esapabilense se o que queren e ser alternativa nas próximas derrotas e non caer no esquecemento polo sumidoiro. E ollo con traspasar a estreita liña vermella có separa: do apoio nun Goberno de unidade co PP... Considero existen outras formas de actuar fronte a semellante atrocidade, e a postura do PSOE ante a cruel realidade aparenta complicidade, tolerancia e consentimento e iso non é perdoable polos cidadáns e menos polos votantes… O partido do Goberno poderá continuar facendo piruetas de contorsionista, pero non cederá nos desvaríos có castigan con forza. Dentro do xogo bipartidista, perder non é tan malo se o outro tamén perde.
4. Europa segue a ser de dereitas, acosada neste caso pola extrema dereita, en España esa extrema dereita é unha boa parte do PP, pode que esa dereita titular se asocie coa socialdemocracia (como en Alemaña) para equilibrar os bandazos da dereita dereita ou a esquerda esquerda, amén de manter seus beneficios. Nós non podemos esquecernos de toda unha caterva de medidas que aumentaron a desigualdade de maneira brutal, si, si con Schröder... cá unión CDU/CSU de Merkel e o SPD, culpables de impor e continuar o modelo (condenando á miseria) ó Sur de Europa.
5. A xogada dos medios de comunicación comprados, non lle saíu moi ben, deron cancha propagandística a Pablo Iglesias para evitar un maior ascenso de IU á cal temen a casta política PP/PSOE como á peste, e a pesar de todo e sen axuda dobraron resultado e Podemos emerxe con 5 parlamentarios nunha campaña nas redes sociais, un presuposto de 200.000 € e só cinco meses de empeño.
6. O subsistema electoral galego, nada ten xa que ver coas outras dúas nacionalidades históricas (Catalunya e País Vasco) perde identidade, asemellándose ó esquema estatal non só nos grandes partidos, senón ás súas alternativas na esquerda e na dereita. Sen dúbida que o galeguismo ten moito a reflexionar cara as municipais do 2015, onde se xoga unha posición de alternativa ó bipartidismo que se está a esfarelar.
O peor:
- Os votantes indecisos e os mozos continúan a tradición de dar preferencia ós personaxes por riba de ideais e programas.
- En Galiza a conduta repetitiva da nosa poboación eminentemente maior dun patrón que toma xustificación na nosa forma de ser e pasa dunha xeración a outra. O cal impúlsanos a facer o que non queremos facer, e ladeámonos ou cedemos ante a súa natureza destrutora, arraigándose cada vez máis ate que queda como un tropezo escrito nos corazóns.
- A pesar do convencemento e lamentable papel dos dous partidos principais, a súa guarda fiel de votantes non para.
- A terceira vía alternativa queda dividida, polo momento…
O mellor:
- IU triplica seus representantes, mantén o terceiro posto en número de votos e proxecta un ascenso, lento, pero ascenso.
- O grupo parlamentario de esquerdas en Europa (ou que se supón de esquerdas) medra considerablemente se sumamos IU e Podemos.
- A principal baza de Podemos (a frescura, o novo, falan de paro, hipotecas, sanidade etc… cousas moi concretas que tocan a moita xente que non votaría a PSOE, EU ou BNG pero si a alguén novo que non menciona ideoloxías (quen as mencionou nesta campaña) só cousas concretas como arma reboleira contra os demais partidos que se denominan de esquerdas. Exporanse na palestra da realidade das decisións do parlamento europeo e poderemos comparar e ver qué significa Podemos... si é para ben gañamos todos, se é para mal quedarán retratados.
Totalmente de acordo... o PSOE aínda que non é o mesmo co PP, non podemos esquecer (escasa renovación, error por comezar a condena da austeridade en vez de dimitir, a reforma expresa da Constitución...). Ben é certo que se o PSOE é de esquerdas…, por qué entón coincide en tantos aspectos coa dereita? (conceder millóns públicos ós bancos, promover desafiuzamentos, recortes en dereitos laborais, financiamento do partido, espolio do público (sanidade, educación…), fiscalidade en favor do capital, paraísos fiscais, tolerancia coa corrupción).
Deixemos o síndrome de abstinencia e botémonos na defensa do estado do benestar, dos dereitos, das liberdades, da xustiza e o reparto xusto da riqueza, do que non tiñamos que ter saído, e polo que algúns deixaron de votar PSOE, (e abstivéronse ou votaron PP propiciando con elo un castigo catapulta de canallas talibans, lamecús e aventureiros financeiros que tanto dano nos están a facer ós traballadores en beneficio dos señoritos) si, estes 'desencantados' de clase traballadora…
A proba será comprobar a realidade de acordo entre Podemos e IU (co PSOE neste momento non se pode contar), os dous xuntos xa terían máis apoyo có PSOE, condición máis que necesaria nunhas eleccions de non circunscripción única. Non creo que Podemos poda ela soa… Non tiremos a IU tan rápidamente pola borda. E sería unha magoa que se convirtiran en enemigos ou rivales. Non podemos perpetuar o bipartidismo ó estilo USA? Xa sabemos é unha misión complicada…
P.D. O que se pense que isto se amaña votando nas eleccións enganase, isto acaba de comezar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario