martes, 24 de marzo de 2015

Rapada por ser transgresora, familiar dun roxo pero, sobre todo, muller

- O campus de Ourense acolle unhas xornadas sobre a represión de xénero na época franquista

- Os historiadores analizaron tamén o papel da poboación feminina na resistencia


Por Galicia Confidencial

Durante a época franquista en Ourense os tribunais militares encausaron a 201 mulleres, detiveron a 433, fusilaron a unha... e raparon e vexaron a milleiros delas. A rapa é un método de represión da época franquista que comezou a empregarse en España no contexto da Guerra Civil, antes incluso de que se constatase ese xeito de intimidación no resto de Europa, como na chamada ‘depuración’ á que De Gaulle someteu a Francia tras á liberación das forzas nazis. É unha forma de represión de xénero sobre o que os historiadores queren afondar nas III Xornadas O franquismo en Galicia, nas que entre o luns e o día 9 de febreiro analizarán o papel das mulleres galegas na resistencia ao golpe de Estado de xullo de 1936, as estratexias de supervivencia adoptadas durante a Guerra Civil, a súa participación na guerrilla e todo tipo de modalidades represivas ás que estiveron sometidas: rapas, detencións... medidas cun marcado carácter simbólico de “marcalas e estigmatizalas” ante a comunidade.
Rapar ás mulleres “foi unha práctica que durante os primeiros tres ou catro meses da guerra estendeuse como unha mancha de aceite por toda Galicia. E hai diferenzas entre o mundo rural e o vilego, xa que nos anos 30 en Galicia as vilas funcionaban con parámetros de cidade e é onde se da un maior número de rapas”. Así o explica o profesor da Universidade de Vigo Julio Prada, especialista en estudos sobre a época franquista e autor dunha investigación pioneira en Galicia sobre a rapa das mulleres na que se mestura “historia, socioloxía e antropoloxía” e que presentou neste curso organizado pola UNED en colaboración coa Facultade de Historia do campus de Ourense e que contan co apoio do Obradoiro de Historia de Galicia.


O profesor Xulio Prada, a decana da Facultade de Historia Susana Reboreda e o investigador Jesús de Juana - FOTO: Uvigo
O profesor Xulio Prada, a decana da Facultade de Historia Susana Reboreda e o investigador Jesús de Juana - FOTO: Uvigo
Dous tipos de represaliadas
Nesta etapa da historia de Galicia e España, a muller pasou a converterse nun demo que había que oprimir, aínda que non sempre polo mesmo motivo. Por iso Prada distingue dous grupos distintos de mulleres represaliadas: o primeiro, o de aquelas mulleres consideradas transgresoras, “mulleres que na época da II República estaban en sindicatos, que participaron en manifestacións, que se casaron polo civil... e que son as primeiras en ser expostas e rapadas”; o segundo, o que corresponde a un parámetro máis tradicional, o da “muller de roxo, aquelas que son nais, esposas, irmás, compañeiras... de homes que fuxiron e que cando non os atopan na casa toman represalas contra elas por frustración e como coacción”. Mentres a coacción ao primeiro grupo concentrarase nos tres ou catro primeiros meses da guerra, ao segundo manterase ao longo de toda a posguerra e “moi vinculado á loita guerrilleira”.
O profesor avanzou ante os 55 participantes deste curso as principais liñas da súa investigación, para a que se levan recompilando testemuños dende os anos 80 por toda Galicia, cunha segunda recollida nos anos 2000 dentro do proxecto Nomes e Voces para estudar a represión franquista durante a Guerra Civil e a ditadura.
Testemuños que axudan a non perder a memoria e que recollen historias tan particulares como a de Elsa Omil, unha muller que “en lugar de pecharse na casa e agochar a vergoña, que era o que facía a maioría, retocou o rapado, foi a un fotógrafo para que a retratara e se exhibiu con todo orgullo”. A de Elsa é unha dos tres retratos de mulleres rapadas polo franquismo localizadas en toda España. Aínda cun ano de traballo por diante, para Prada unha das principais conclusións deste estudo é “os diferentes contextos nos que sempre está presenta a idea de represión feminina, de desviación fronte a unha norma comunmente aceptada nun momento determinado”.

Mulleres rapadas na Guerra Civil española nun lugar sen identificar /memoriahistoricacartagena.com

Comparación entre Limia e El Bierzo
O obxectivo deste curso é facer un avance de novas perspectivas investigadoras da represión de xénero non só en Galicia. É o caso do licenciado en Historia e investigador da Universidade de Santiago de Compostela, Alejandro Rodríguez, que quixo presentar aos asistentes as liñas dun estudo sobre o papel que xogaron as mulleres nas redes de apoio á resistencia armada contra o franquismo en dous rexións distintas: El Bierzo e Limia, dende Pereiro de Aguiar ata Xinzo e incluso chegando en determinadas ocasións á cidade de Ourense. Un estudo que trata de afondar nos datos cuantitativos sobre a presenza feminina na guerrilla para facer “unha análise máis profunda coa que entender que levaba a unha persoa a pertencer a ela e a loitar de forma aberta contra a ditadura”, como subliñou Rodríguez.
A decana da Facultade de Historia, Susana Reboreda, quixo estar presente xunto ao catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Vigo, Jesús de Juana, no acto inaugural desta terceira edición.
Para Reboreda, o grao de Xeografía e Historia que se imparte no centro “está enfocado dende un punto de vista xeneralista, o que para nós é unha fortaleza porque permite unha perspectiva multidisciplinar e transversal, algo que entendemos como positivo dentro do marco dun sistema universitario de Galicia onde as titulacións máis afíns á nosa son específicas”. Por iso resalta a importancia de que se realicen xornadas como estas, xa que “proporcionan unha especialización.

Mulleres rapadas na Guerra Civil española nun lugar sen identificar /memoriahistoricacartagena.com

Ningún comentario:

Publicar un comentario