mércores, 11 de novembro de 2015

Feijóo teima en defender a Baltar ante a denuncia de emprego por sexo

David Lombao
http://praza.gal/


José Manuel Baltar segue contando coa defensa do presidente da Xunta e líder do PP galego. Dúas semanas despois de que eldiario.es publicase en exclusiva a denuncia na que unha muller acusa o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, de ofrecerlle un posto de traballo na institución a cambio de sexo cando aínda a presidía o seu pai, o tamén popular José Luís Baltar, Alberto Núñez Feijóo enfrontábase no Parlamento á petición de explicacións de toda a oposición parlamentaria. Lonxe de esixirlle responsabilidades ao seu barón ourensán, Feijóo escudouse de novo na Xustiza para non facelo e, adicionalmente, acusou os grupos da esquerda parlamentaria de "utilizar as mulleres" por instalo a tomar medidas contra Baltar.
O presidente galego comezou a súa quenda de respostas reprochándolle á oposición que aborden este asunto no Parlamento, cando "o principal problema de Galicia" é "o desemprego" ou, se cadra, a situación en Catalunya.Precisamente por iso, Feijóo dedicou os minutos iniciais da súa intervención para disertar sobre ambos os temas. Acto seguido, xa cos grupos de AGE e BNG fóra da sala como protesta e entre berros de "machista", o presidente entraba en materia. E facíao para advertir de que non se ía "pronunciar sobre unha denuncia porque estamos a falar, xustamente, dunha denuncia" ante a que o resto de partidos "acusan, xulgan, ditan sentenza e condenan".
A oposición abandonou o hemiciclo pola actitude do presidente
Baltar nin sequera está imputado, argumenta Feijóo, e malia ás gravacións nas que se gaba de poder modificar os procesos selectivos da Deputación para atender a súa promesa á muller, o líder dos populares galegos cre que, neste momento, "calquera pronunciamento sería precipitado". Se promovese a destitución do seu home en Ourense "correriamos un alto risco de ser inxustos", xa que, de momento, non hai máis nada que "unha versión da parte denunciante e unha negación da parte denunciada".
Feijóo cre que destituír a Baltar sería "precipitado" e acusa a oposición de "utilizar as mulleres" por esixirlle responsabilidades
"Inmunidade, máxima. Zafiedade, toda", repróchalle ao Feijóo o voceiro do PSdeG. Feijóo, lamenta José Luís Méndez Romeu, instalouse no "estereotipo machista" de "exonerar o acosador" e converter á "vítima en execrable". Todo, censura, para seguir "aplaudindo e apoiando" á familia Baltar, a mesma que, lembra, tivo o aval do PP "durante vinte e cinco anos para violentar sistematicamente os procesos de selección de persoal" na Deputación.
O PSdeG reprocha a "zafiedade" do PP e AGE censura que Feijóo avale "usar as mulleres como mercadoría"
Pola banda de AGE a súa vicevoceira, Yolanda Díaz, insta a Feijóo a botar a Baltar e, ademais, a explicar "que lle está dicindo ás mulleres e nenas" ao considerar "normal" un ofrecemento de emprego por sexo. Ensinándolle ao presidente a información publicada neste diario Díaz dá por constatado que Feijóo avala "que as mulleres sexamos mercadoría, que é normal que unha muller teña que ofrecer a súa sexualidade para que lle dean un posto de traballo". "Dígolle o que dicía o señor Baltar nas gravacións: non a cague, señor Feijóo, cese inmediatamente o señor Baltar" e, de paso, "deixe de facer o ridículo e bóteo do PP".
Nin as reclamacións de PSdeG e AGE, tampouco as do Grupo Mixto, que a través de Carmen Igrexas retratou aos populares como "demócratas de pacotilla, machistas sen escrúpulos nin conciencia", nin as do BNG, que se concentrou ante a Cámara -hoxe non tiña quenda de intervención na sesión de control- para esixir o mesmo, conseguiron mover a Feijóo da súa posición. Tras equiparar na súa quenda de peche a situación de Baltar coa do secretario xeral do PSdeG, imputado por unha licenza urbanística, o presidente da Xunta promete "firmeza" no caso de que Baltar sexa imputado ou condenado. Mentres, conclúe, quen "utiliza ás mulleres" non é o presidente a Deputación de Ourense, senón a oposición. "É impresentable, señor presidente", resume o voceiro socialista.

Ningún comentario:

Publicar un comentario