venres, 10 de xuño de 2016

O PP defende que só "axudou" as anciás que segundo a xuíza foron carrexadas para votar

David Lombao
http://praza.gal/

Candia e Barreiro, no inicio da campaña do PP de Lugo

Áurea, de 88 anos, con "deterioro cognitivo leve-moderado" e "desorientación témporo-espacial". Carmen, de 79, coa memoria "alterada", "capacidade de xuízo crítico limitada" e "analfabeta". Rosario, 86 anos, diagnosticada de Alzhéimer. Son tres das anciás e cadansúas avaliacións forenses que, segundo acredita a xuíza Sandra Piñeiro no seu auto de apertura de xuízo oral ditado o pasado 6 de xuño e revelado en exclusiva por Praza.gal e eldiario.es, foron "carrexadas" por dirixentes e militantes do PP de Lugo na xornada das eleccións galegas do 21 de outubro de 2012. A maxistrada vén de dar o paso para sentar no banco a José Luis Iravedra, Serafín Rodríguez, Benigno Gómez e Teresa Taboada por un presunto delito electoral no que actual dirección dos populares lucenses só ve "axuda".
Tras a saída á luz da decisión xudicial que a Fiscalía pulou por arquivar a cúpula do partido, agora dirixida na provincia lucense pola alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, emitiu un comunicado en defensa de quen fora o seu presidente, Iravedra, de quen agora forma parte da súa directiva, Taboada, e do resto de militantes acusados. "O feito de que afiliados do PP axuden a desprazarse a persoas con mobilidade reducida en ningún caso pode entenderse como unha conduta obxecto de reproche penal", afirman. E iso, aseguran, é o que sucedeu no que a maxistrada e a acusación popular, Esquerda Unida, consideran un claro caso de carretaxe dende o asilo das Hermanitas de los Ancianos Desamparados ata o colexio electoral próximo.
A dirección do PP lucense abéirase en que "ningunha" das persoas 'carrexadas' estaba "incapacitada legalmente"
Os conservadores abéiranse nos argumentos lanzados dende a Fiscalía en 2015 para asegurar que non existe "indicio ningún" dunha "posible comisión de condutas que teñan encaixe nalgún dos tipos delituosos previstos na lei electoral ou no Código Penal". Así, argumentan, "todas as persoas que no día dos feitos acudiron a emitir o seu voto" estaban "inscritas no censo electoral", evidencian, e ademais "ningunha delas estaba incapacitada legalmente". Nesta liña, na votación destas persoas -que, segundo o auto xudicial "carecían de capacidade para decidir o seu voto" e só participaron nos comicios porque os membros do PP os levaron- cumpriuse "escupulosamente todas as normas". "Proba disto -agregan- é que ninguén da mesa electoral fixo a máis leve referencia ou cuestionou o dereito ao voto destas persoas".

"Un éxito para a democracia"

O que para o PP supón unha severa contrariedade no inicio da campaña dende Esquerda Unida, acusación popular no proceso -os feitos foron inicialmente denunciados dende AGE, no propio colexio electoral-, celébrase o que para o deputado Ramón Vázquez é "un éxito para a democracia", toda vez que dá por seguro que se chegará a celebrar "o primeiro xuízo do país por carrexo de votos, unha práctica que, por desgraza, está estendida e asumida polo PP en Galicia". Se finalmente se produce o xuízo -o auto do 6 de xuño é recorrible- suporá un "paso esencial na titánica loita de rexeneración democrática", asegura.
Acto de Feijóo con dirigentes del PP de Lugo en la campaña de 2012.
EU, que actúa como acusación popular, esixe que Feijóo promova cesamentos e volverá pedir a comparecencia da monxa que dirixe a residencia
Neste punto, para a coordinadora nacional de EU e número 2 de En Marea pola Coruña, Yolanda Díaz, alén de agardar ao desenvolvemento do proceso xudicial o que cómpre son xa explicacións e decisións por parte de Alberto Núñez Feijóo na súa calidade de presidente do PPdeG, "facendo asumir responsabilidades ás persoas implicadas nesta trama", a comezar por Teresa Taboada, "nomeada membro do comité executivo provincial do PP de Lugo" o pasado marzo. Díaz diríxese tamén a Candia para que afaste do seu cargo a Taboada, máis aínda porque a alcaldesa mindoniense, como voceira na Deputación Provincial, adoita "presentarse como azoute do control do goberno".
Á espera do desenvolvemento do proceso Díaz ve "demostrado" que "os imputados formaron parte dun comando organizado do PP para carrexar votos". "É bochornoso -agrega- gañar unhas eleccións denigrando ás persoas e na ilegalidade". "Este é un tema sumamente serio, falamos de persoas en situación de especial vulnerabilidade", sinala, mentres subliña que EU volverá "pedir a comparecencia como testemuña" de José Manuel Barreiro, denegada pola xuíza, e mais da monxa que dirixe a residencia dos anciáns, ambos como "responsables desta aberración democrática".

Ningún comentario:

Publicar un comentario