martes, 12 de xullo de 2016

Historia de Galiza

Historiadegalicia é un portal sobre o mundo da Historia e do Patrimonio de Galicia. Non pretende ser unha publiciación científica, nin especialista sobre a Historia, senón un portal divulgativo de todo o que se fai en Galicia en materia histórica e patrimonial co obxectivo de achegar a historia á xente.
Historia de Galicia
Outra das finalidades desta publicación é chamar a atención sobre os atentados que diariamente sofren os nosos bens patrimoniais e concienciar ás administracións e á sociedade galega da necesidade de mimar o que os nosos devanceiros nos legaron e que constitúe unha parte esencial para entender a nosa cultura e a nosa forma de ser como pobo.
Este portal tentará abarcar todo o que ten que ver coa Historia e o Patrimonio de Galicia ou da antiga Gallaecia, sen deixar de prestar atención a outros feitos que sexan importantes para entender o noso pasado e que, non necesariamente, teñen unha relación directa co país. Tamén prestará atención ao traballo de especialistas galegos que traballen en proxectos históricos non vinculados con Galicia.
Historiadegalicia pretende abarcar todo o que ten que ver coa Historia e co Patrimonio do país. Por iso, a priori, non se pecha a ningunha temática que teña que ver con este obxectivo. Abordará todo o que ten que ver co megalitismo, petróglifos, a prehistoria, a cultura castrexa, romana, medieval, moderna, contemporánea e actual de Galicia e tamén prestará atención a todo o que ten que ver con antropoloxía, etnoloxía, lendas, tradicións e a Galicia máxica, así como, das informacións que xeren as distintas institucións, fundacións, museos ou asociacións sobre Historia e Patrimonio. Ademais, recollerá exposicións e libros de temática histórica e, prestará especial atención á Memoria Histórica e ás desfeitas patrimoniais.
HdG está coordinado polo xornalista Xurxo Salgado, pero conta coa colaboración dun grupo de profesionais e divulgadores do noso patrimonio que levan moitos anos cun traballo metódico e, ás veces, non recoñecido, pero efectivo, a prol da conservación dos nosos bens.
Este portal está aberto a todos aqueles que queira aportar o seu gran para facer da Historia e do Patrimonio de Galicia un ben a conservar para deixar en herdanza as nosas xeracións futuras. Calquera persoa ou asociación que queiran colaborar só ten que enviar un correo a redaccion@historiadegalicia.com ou chamar ao teléfono 630545240

Ningún comentario:

Publicar un comentario