xoves, 12 de xaneiro de 2017

A Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Valdeorras solicita a cobertura de todas as prazas vacantes

Na mañá do 12 de xaneiro convocaba unha rolda de prensa para dar a coñecer a “situación de desatención” na que se encontra o hospital valdeorrés

http://www.osil.info/

Representantes da Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Valdeorras. /Foto: Mónica G. Bellver.
A Área Sanitaria de Valdeorras “pouco a pouco, despaciño, sen facer ruído, está sendo desmantelada”. Así de rotunda se manifestaba a Xunta de Persoal do hospital valdeorrés na mañá do 12 de xaneiro, na rolda de prensa que emitia para “dar a coñecer novamente a situación de desatención e ineficacia de xestión en que se encontra a Área, e deixar de facerse cómplice co seu silencio dunha situación que acabará por facer desaparecer ou reducir á ineficiencia, a sanidade pública neste hospital”.
Así pois, dende a Xunta de Persoal denuncian “o progresivo desmantelamento que en capital humano está a sufrir esta área”, poñendo como exemplo que neste momento no Hospital C. Valdeorras, só de especialistas “faltan por cubrir o 66% das prazas de pediatría, o 50% de traumatoloxía, o 100% de rehabilitadores, o 100% de preventivistas, o 100% de médicos de traballo, o 50% de cirurxiáns e un 25% de anestesistas”.

Jesús Vilasánchez na rolda de prensa. /Foto: Mónica G. Bellver.
Co respecto á atención primaria, “a día de hoxe non hai médico específico ocupando a praza do Centro de Saúde da Veiga”, din dende a Xunta de Persoal, engadindo que en Viana do Bolo, de tres médicos “por diversas causas só hai neste momento unha, e ten que ser apoiada reducindo as horas de consulta doutros centros de saúde como o de Vilariño de Conso”. No Barco de Valdeorras falta un pediatra e no referente a esta especialidade “en Viana hai reivindicacións colectivas solicitando o  incremento das horas depediatría”, din, asegurando que hai moitos outros problemas aos que se enfronta a sanidade nesta área.
Por todo iso, como Xunta de Persoal solicitan “a cobertura de todas as prazas vacantes tanto en especializada como en atención primaria, a devolución á Área de Valdeorras dos recursos que tiñamos antes, e o cumprimento desas magníficas promesas electorais que só foron contos de fadas”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario