martes, 7 de novembro de 2017

“Galicia é a envexa de medio mundo coas baleas azuis”


Balea azul avistada o 31 de outubro. Foto: BDRI.

Os novos avistamentos do BDRI do Grove confirman a presenza estable e abundante de varias especies de cetáceos na costa galega
Manuel Rey
http://www.gciencia.com/

Bruno Díaz, director do instituto BDRI do Grove, estánselle esgotando os adxectivos para describir o que viviu nos últimos dous meses. “Se mo contan cando empecei a traballar nisto, negaríame a crer que puidera pasar algo así”. O pasado martes, el o seu equipo fixeron a última xornada de traballo nas costas galegas antes do parón do inverno, e viron de novo unha balea azul. Foi a quinta vez en pouco máis dun mes que este mamífero xigante se deixou ver a poucos quilómetros de terra firme, despois do primeiro avistamento “histórico” rexistrado a comezos de setembro.
“Aínda sen baleas azuis, sería tamén un momento histórico”
O exemplar localizado o día 31 de outubro é o mesmo que xa aparecera preto de Corrubedo a comezos do pasado mes. E ademais, segundo os datos que recibiu o BDRI, viaxou desde as Azores, onde fora visto a finais de xullo. “Parece que veu directamente a Galicia”, explica Bruno Díaz.
Para facer unha idea da importancia dos avistamentos, segundo sinala Díaz, hai que ter en conta que ata hai dous meses “había só tres rexistros de baleas azuis na zona continental este do Atlántico Norte“. E en só dous meses, nas costas galegas avistáronse cinco veces. Son, polo menos, dúas baleas distintas (a do 31 de outubro e a do 20 de setembro preto de Ons), segundo explica Bruno, xa que o exemplar da ría de Muros non puido identificarse pola baixa calidade do vídeo e a ausencia de fotografías, e outro dos avistamentos non foi gravado.

Concentración enorme nunha zona minúscula

“Somos a envexa de medio mundo; unha concentración enorme nunha zona minúscula en extensión. Isto xa non pode ser casualidade, ou que se trate dunha balea desorientada ou perdida”, destaca Bruno Díaz. Ao BDRI do Grove chegan mensaxes e consultas de diversos países, por parte de investigadores abraiados pola explosión de biodiversidade. “Aínda que non apareceran baleas azuis, o momento sería igualmente histórico“, sinala. No avistamento do martes, a Balaenoptera musculusnadaba acompañada doutras especies que tampouco foran vistas antes nesta zona da Terra.
Bruno Díaz, director do BDRI.
Bruno Díaz, director do BDRI.
Destacaba o xibardo, ou balea chepuda(Megaptera novaeangliae), outra especie moi pouco habitual nas augas galegas. Amais, a súa presenza é indicadora dunha gran riqueza a todos os niveis da cadea trófica, xa que tamén se alimenta de bocareus e outros peixes de pequeno tamaño, non só de krill. E había tamén rorcuais comúns (Balaenoptera physalus), rorcuais boreais (Balaenoptera borealis) e rorcuais de ás brancas(Balaenoptera acutorostrata).
É como unha flor medrando no medio dun incendio”, di Bruno Díaz
Hai que agardar para ter unha conclusión clara sobre as causas desta extraordinaria presenza de cetáceos, mais Bruno Díaz avoga por ser optimista. “É unha mostra de recuperación“, di, despois da moratoria sobre a caza de baleas establecida na segunda parte do século XX, cando estas especies chegaron a estar nunha situación crítica. Non semella que o cambio climático teña unha influencia directa nestes feitos. “Parece como se unha flor medrara no medio dun incendio”, explica.
Continuará? “Queda claro que non están de paso, e que a estancia dependerá da disponibilidade de alimento”. Agora, durante o inverno, O Bottlenose Dolphin Research Institute dedicarase a recoller forzas e fondos económicos para seguir investigando durante a vindeira temporada. “Queremos expandir a zona de estudo, pero as posiblidades son as que son”, conclúe Bruno Díaz.

Ningún comentario:

Publicar un comentario