venres, 17 de novembro de 2017

O galego é o idioma máis difícil do mundo

Chino, xaponés, húngaro, inglés, árabe, hebreu, ..., Nada que ver! Só os pobres e as crases populares son capaces del. Será que como están acostumados a traballar, de paso, tamén traballan o galego. Por iso o galego non viste. Pero resiste. Que vas esperar dunha lingua falada por campesiños, agricultores e labregos, por xentes do mar e peixeiros, por obreiros da construción e outros oficios manuais?

Xaquin Campo Freire
http://www.galiciaconfidencial.com/


Resultado de imagen de O galego é o idioma máis difícil do mundo

Aos nenos, temos a teima sa de nunca falarlles en tal idioma. Romperiámoslles o cerebro. Mesmo o cranio. É tan difícil! Para que ese esforzo?

Os rapaces e a xuventude, para ligar, non poden ter atrancos nin poñer máis dificultades nesa arte xa de por si ardua, custosa e traballosa.

Na familia, nas casas, o galego dános categoría de pouca crase e todos pretendemos ter un rol importante na sociedade dos “bonitos”.

Como vas chegar a un banco, aos médicos, avogados, arquitectos funcionarios dos concellos, políticos, concelleiros, xentes importantes de “LA JUNTA” de Galicia, urbanitas de visón e roupa de marcas únicas, etc., falándolles na xergas, baralletes, trampitáns ou argots dos purrelas, palafustráns ou xentallas suburbiais?

Agora ata xa se lles fala castelán as vacas para que así entendan cando as vendes para as cidades ou para fóra da Galiza. Mesmo aos canciños de colares con pedraría ou chaleques aquecedores dos rins. Trátase da promoción cultural dos de abaixo e desde abaixo e así xa poden coller exemplo os patufos e aldeáns, que están menos civilizados ca os cans.
Por iso, con moito acerto, o Sr. Feijoo entrou atronando, (con estrondo), eliminando os Audis de Touriño ( sábese cal foi o seu destino?) e derrogando o decreto da lingua galega. Arrodeouse de xente oufana, eficaz e eficiente coma D. Jesús Vázquez (o das “galiñas azuis”, con azul falanxe) e D. Anxo Lorenzo (agora eclipsado e auto desaparecido polo cambio da herdanza histórica do ensino polo carguiño administrativo).

Para cregos, bispos, cleros das distintas relixións, xentes do espiritual, maxias, cartomancias e outros esoterismos, o galego ten algo de nefando (que non se pode nin nomear polo horror que produce). Mesmo resulta ser impío, incluso nefasto (prohibido por lei divina), infausto e aciago (que só anuncia desgrazas ou as acompaña). Probas? Entra nunha igrexa calquera de cidade ou vila e escoita. Comproba por ti mesmo.

Por iso, con moita razón, no culto non consenten faceren actos cerimoniais ou ritos en tal ignara linguaxe cando alguén o pide para funerais, ‘esquelas’, campas do cemiterio ou actos celebrativos, etc.

Sería unha auténtica profanación (violar o carácter sagrado das cousas, persoas ou lugares. Deshonrar por irreverencia ou falta do respecto debido). E se recorres ao superior, cando chega a resolución, como dixo Heráclito, o río xa vai moi lonxe.

Ata hai profanación civil. Por iso o galego debe ir fóra da escola. Os centros privados, os das elites da high life ou do high level, tipo opus ou outros, con grandes sumas económicas do erario público, fan a desfán ao seu antollo. Eses son os máis efectivos na eliminación e na ideoloxizazón contra do patrimonio cultural galego, principalmente do idioma. A auto xenreira, introxectada desde a infancia, é altamente efectiva. Se te dirixes a eles en galego rómpeselles o espiñazo, desvertébranse. Eis a filosofía do “bilingüismo”. Só hai bilingüísmo co inglés. Que certamente está ben e hoxe é necesario saber inglés. Por certo, nin Rajoy, nin Feijoo, nin Ana Botella, nin ..., falan inglés e é moito mellor que nin o intenten.

Resultado de imagen de O galego é o idioma máis difícil do mundo

Aos medios audiovisuais e de comunicación non lles pidas tal servizo. Eles están ao que están e serven a quen serven e para o que serven, como expresaron de La Voz de Galicia. Mesmo se serven do erario público con pingües axudas e subsidios só por pór anuncios xa feitos ou por traducir co automático, sen corrixir debidamente, pequenas novas favorábeis á quenda no poder. Por iso apareceu: “Desván de los Monjes”, porque o señor estaba lendo o que lle deran desde o tradutor ao dereito. Por iso os medios en galego sofren “discriminación positiva” para o ninguneo. Afogalos!

Os partidos políticos. Atentos! Xa chega Ciudadanos arrasando e facéndolles sombra ao PP de Feijoo e persoeiros da boina e birrete, militantes de sempre e moi activos na destrución dese patrimonio espiritual.

Onde eles se sitúan “se acabaron las bromas” y “hablen ustedes en cristiano”, coma nos tempos do General. Aquel tamén favorecía “los coros y danzas y el folklore por el Primero de Mayo”. Pero de aí, non te movas nin un centímetro. Hai que “lograr la España difícil y erecta que él ambicionó”, “una, grande, libre”, como cantabamos, brazo en alto, nos actos de las FET y de la JONS, aos que asistías, si ou si, porque estaban en todo tempo, espazo, feira e lugar e había que desfilar diante coma ‘Blanquita’, a cabuxa da Legión.

A que vén todo isto? Cal é o motivo desta reflexión persoal e particular non exenta de ironías? Hai poucos días finou un compañeiro meu, amigo de todos nós: Xosé Manuel Carballo Ferreiro. Eu teño sete anos máis ca el. E fíxome pensar, máis unha vez, no meu tránsito.
Que me gustaría deixar detrás de min? A defensa clara e nidia do patrimonio espiritual da Galiza. Pero non coma un fósil, senón como un ente vivo e funcional. É o sagrado herdo case milenario do NÓS colectivo e familiar que eu recibín. Así como quero a Praza do Obradoiro, viva e funcionando, e non consentiría que a destruísen, coa mesma forza e ánimo quero deixar detrás de min como testamento de grande honra, inviolábel, a nosa lingua galega.
Por iso quero que no meu pasamento todo o mundo me respecte a lingua na que me quero despedir. Son eu quen se despide. Non os demais os que me despiden, salvo que me desexen a morte, tamén a espiritual.

Aínda que pida prestada a voz dos amigos, quero ter a última palabra. Por iso quero que a homilía sexa a miña última homilía. Na que poida agradecer e pedir perdón, na que vos poida dicir en primeira persoa o moito que vos debo e vos quixen. E proclamar a miña esperanza. Non na que me despidan os outros, a quen lles queda moito tempo para falaren de min o que crean axeitado. Quero que sexa todo exclusivamente en galego. Non teño nada contra do castelán. Todo o contrario. Débolle moito. Pero quen está en perigo é o galego. Quen está ameazado é o galego. Por iso o quero en pé de liberdade.

Fóra dos actos correspondentes, que cada un faga o que lle dite a súa dignidade. Pero a miña dignidade comunitaria só se respecta sendo coherente co meu compromiso vital, onde están tamén a miña fe, a cultura, a fala, a terra, o pobo común e por suposto as causas universais, dereitos humanos, os pobres, as mulleres, os orfos, etc. Deus.

Sei da violación que se lle fixo a Monseñor Araújo no funeral na Catedral de Mondoñedo e incluso en Ferrol. Nin unha palabra en galego. Non hai dereito!

Quero un enterro con un só sacerdote, coma todos os meus fregueses. Eu non son máis ca ninguén. Se algún compañeiro quere estar que se sitúe no pobo, sentíndose pobo, do que saímos, e a onde volvemos.

Cal foi o detonante inmediato destas miñas confidencias públicas e publicadas?
Cando lin o estudo que cito a continuación sentinme ferido na dignidade comunitaria e fondamente magoado no ámbito persoal. Por iso quero seguir erguendo a voz a prol do patrimonio espiritual galego e mundial e principalmente as linguas minoritarias e minorizadas ou aplastadas. Toda persoa ten dereito a expresarse e ser escoitada no de seu.

E eu iso practícoo a cotío no voluntariado no cárcere. Se os entendo? De comezo, non. Pasados uns días, a persoa sabe que comigo pode falar xa algo no de seu e sentirse e sentirme coma da familia. Logo, xa iremos avanzando. Pero de momento exercemos aquilo de : “Só se ve ben cos ollos do corazón e só se oe empaticamente cos oídos do corazón. Porque o esencial é invisíbel”. Así llo dixo o Raposo ao Principiño.

Por que o éuscaro aumenta en falantes e cae o galego?
«A revitalización lingüística é posible”, pero para conseguilo deben conxugarse tres factores “fundamentais e profundamente entrelazados entre eles”: a educación, os movementos sociais e o apoio da propia administración pública”».
Por min non se vai perder. Xúrovolo. Aínda que: “o galego é o idioma máis difícil do mundo”. Seino ben.

Imagen relacionada

Ningún comentario:

Publicar un comentario